As accións do goberno galego en materia de vivenda teñen, como obxectivos prioritarios, o fomento da rehabilitación e do alugueiro de vivendas. No marco deste último, destácanse nesta páxina os programas, liñas de axuda, complementos, bonos e subvencións máis relevantes, todos eles dirixidos a favorecer o mercado do alugueiro de vivendas privadas e a facilitar o acceso a unha vivenda, en réxime de alugamento, a determinados colectivos. Entre estes últimos, as unidades familiares ou de convivencia con ingresos que non superen os niveis do IPREM determinados en cada caso (con prioridade segundo colectivos e nivel de ingresos), a mocidade ou as persoas pensionistas da seguridade social na súa modalidade non contributiva.

Cómpre destacar, entre as distintas liñas de axuda convocadas, aquelas que teñen como beneficiarias as persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas en trámite de incorporación no marco do programa de vivendas baleiras ou as que facilitan o cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

 Xestión de axudas á adquisición de vivendas comprendida nalgunha das seguintes modalidades:

  1. a) Vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
  2. b) Vivendas situadas no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (DOG núm. 51, do 13 de marzo de 2018).
  3. c) Vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria.

Requisitos das persoas beneficiarias

  1. De conformidade co ordinal sexto e trixésimo da Resolución do 12 de febreiro de 2024, poderán ser beneficiarias das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
  2. a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
  3. b) Nas modalidades A e B, ter subscrito con posterioridade ao 31 de outubro de 2024 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

Na modalidade C, ter subscrito con posterioridade ao 2 de outubro de 2023 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

  1. c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade B, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.
  2. d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:

1º) No suposto da modalidade A, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación, e de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2º) No suposto da modalidade B, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.

3º) Na modalidade C, ter cumprido o requisito de ingresos no momento que determine a correspondente normativa reguladora.

  1. e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  2. f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na modalidade A é preciso, ademais, que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
  3. g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
  4. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, é necesario:

– Na modalidade A, ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da convocatoria.

– Na modalidade C, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

  1. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.
  2. Tamén poderán solicitar a axuda aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes ao abeiro da Resolución do 12 de febreiro de 2024 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados nesta resolución, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Requisitos da adquisición

  1. Para poder acceder ás axudas é preciso que a vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Para estes efectos, nas modalidades A e B admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas, mentres que na modalidade C ten que tratarse dunha adquisición en primeira adxudicación ou transmisión.
  2. Para poder optar á axuda é preciso que:
  3. a) Na modalidade A, a vivenda debe estar localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
  4. b) Na modalidade B, a vivenda debe estar situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.
  5. c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
  6. Os prezos de adquisición non poderán superar os seguintes límites, en función da modalidade da axuda que se solicite:
  7. a) Na modalidade A, o prezo da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, deberá ser igual ou inferior a 120.000 euros.
  8. b) Na modalidade B:

1º) No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, o prezo non deberá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, no momento da publicación desta convocatoria, computando unha superficie útil de 120 m² e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e, nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

2º) No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non deberá superar o prezo máximo previsto, no momento da publicación da correspondente convocatoria, para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m², e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

  1. c) No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral ou especial, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva
fuente: Xunta de Galicia