Incentivar a contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

 

  1. a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
  2. b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

 

Beneficiarios:

  1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.
  2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
  3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, nin as persoas autónomas colaboradoras.
  4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

 

  1. a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
  2. b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
  3. c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
  4. d) Estar incursa nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
  5. e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
  6. f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
  7. g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
  8. h) Ser sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
  9. i) Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

  1. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
  2. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de beneficiarias, coa excepción do recollido no punto 4.e), realizarase mediante declaración responsable no anexo de solicitude.

Prazo:

Prazo de presentación: ABERTO

24/01/2025 00:00 – 30/09/2025 23:59

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.

Requisitos:

Bono de incentivos á contratación

  1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:
  2. a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas conforme o concepto definido no artigo 5.1 desta orde.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

  1. b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as dúas datas incluídas.
  2. c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
  3. d) Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.
  4. A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos-descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo-descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.
  5. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial; neste último caso para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
  6. Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.
  7. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.
  8. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas.

De non existir persoas contratadas no momento previo á nova contratación indefinida, entenderase sempre como primeira contratación.

Bono de incentivos á formación

  1. As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
  2. a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen no artigo 25 desta orde.
  3. b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
  4. c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2025.
  5. Queda excluída deste bono de incentivos á formación aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

 

Fuente: Xunta de Galicia

 

Fuente: Xunta de Galicia